18 abr 2012

Graecia capta. Topicos horacianos.

A obra lírica de Horacio, os épodos e as odas, representan para moitos o cumio da poesía latina.
Os grandes temas da lírica horaciana, o amor, a amizade, o tempo, a morte, o destino do home, a súa posición no mundo, van aparecendo polos seus versos, convertidos xa nun canon que será imitado unha e outra vez polos poetas posteriores.
Pero hai determinadas frases ou expresións nos seus poemas que van ter un eco extraordinario na literatura posterior e mesmo na fala popular. Moitas non eran da súa colleita, senón que proviñan da tradición grega, sen embargo foi el o que as fixo famosas. Estamos a falar dos Tópicos horacianos.

O traballo, para os alumnos de Latín II, consistirá en escoller algunha de estas expresións, traducilas, ilustralas con imaxes ou sons, e mostrar a súa pervivencia hoxe en día.

Como exemplo, o recoñecemento que fai o poeta do papel de Grecia como fonte de coñecemento e civilización, que transformou por completo ao pobo de campesiños e soldados que era Roma naquel momento. O teatro, a filosofía, a Historia, a poesía, a Oratoria, as artes, chegaron a Italia das mans dos gregos. E quen fala de Roma fala de Europa.

A esa Grecia vencida hoxe polos mercados e especuladores adicámoslle estas verbas de Horacio, que nos recordan unha vez máis que en realidade somos nós os que estamos en débeda con ela.


Graecia capta ferum victorem (captorem) cepit 
et artes intulit agresti Latio 

(Epistulae, 2, 1, 156)

Unha Grecia cautiva capturou ao seu fero vencedor
e levou as artes ao agreste Lacio


* Imaxe de Olga Díez (Calíope) na galería de Chiron en Flickr

No hay comentarios: