1 nov 2010

Latín Tardío.

É a etapa do latín (s. III a.C. ata s. V d.C.) que se caracteriza por un achegamento á lingua falada, a sintaxe simplificase cada vez máis e a orde das palabras presenta tendencias uniformistas.
Cabe engadir que os pais da Igrexa comezaron a preocuparse por escribir un latín máis puro e literario abandonando o latín vulgar dos cristiáns primitivos, o latín que implicou a preocupación da Igrexa foi o Latín tardío.
Os principais autores deste período foron Tertuliano, Jerónimo de Estridón (San Jeronimo) e San Agostiño. Ademais houbo outros como Floro e Eutropio que escribiron prosa, xeralmente resumes de autores anteriores, cuxo estilo era claro e sinxelo.

Algunhas citas de San Agostiño de Hipona son:
· Ergo breue praeceptum tibi praecipitur, dirige, et quod uis fac: siue taceas, dilectione taceas; siue clames, dilectione clames; siue emendes, dilectione emendes; siue parcas, dilectione parcas: radix sit intus dilectionis, non potest de ista radice nisi bonum existere.
Cuxa traducción é:
· Entón, un percepto breve: Ama e fai o que queiras; se calas, faino por amor; se gritas, tamén faino por amor; se corrixes, tamén por amor; se te abstes, por amor. Que a raíz de amor estea dentro de ti e nada pode saír se non o que é bo.

· Sero te amavi, pulchritudo tam antiqua et tam nova.

Cuxa traducción é:
· Tarde te amei, fermosura tan antiga e tan nova.

Cabe engadir dous textos traducidos por Álvaro Pérez Vilariño de San Agostiño de Hipona:
Texto 1. AGOSTIÑO DE HIPONA; Sermón, 43, 3-4

«O home foi creado a imaxe de Deus
»3. A Deus debémoslle ser o que somos. E posto que somos algo, de quen o temos senón de Deus? Pero están tamén os paus, están as pedras, de quen o teñen senón de Deus? Logo que temos nós ademais? Non teñen vida os paus e as pedras, pero nós vivimos. Pero aínda o mesmo feito de vivir é algo que nós temos en común coas árbores e os arbustos. E así dise tamén que as vides viven. Pois se non vivisen, non tería sido escrito “Matou as súas vides coa sarabia”. Viven, cando están verdes; secan, cando morren. Pero esa vida non ten a facultade de sentir. Que temos nós ademais? Temos a facultade de sentir. Coñecidos son os cinco sentidos do corpo. Vemos, oímos, ulimos, gustamos, e co tacto por todo o noso corpo distinguimos o brando e o duro, o áspero e o suave, o quente e o frío. Temos polo tanto cinco sentidos. Pero isto teñen tamén as bestas. Logo nós temos algo máis. Mais se consideramos, irmáns meus, todo iso que hai en nós, como acabamos de enumerar, canto agradecemento por isto, cantas loanzas lle debemos ao Creador! Non obstante, que temos ademais? Intelixencia, razón, discernimento, o que non teñen as bestas, nin o teñen os paxaros, nin o teñen os peixes. Nisto fomos creados á imaxe de Deus. E así, alí onde narran as Escrituras como fomos creados, engádese que non só se nos antepoña aos animais, senón tamén que se nos outorgue preeminencia sobre eles, isto é, que estes sexan sometidos a nós: fagamos, di, o home á imaxe e semellanza nosa, e teña poder sobre os peixes do mar e as aves do ceo e sobre todos os animais e serpes que andan pola terra. De onde lle vén este poder? Por ser a imaxe de Deus. E de aí que se lle diga a algúns como reproche: Non sexades coma o cabalo e o mulo, que non teñen entendemento. Pero unha cousa é o entendemento, outra a razón. Pois temos razón xa antes de que entendamos, pero non podemos entender se non temos razón. É polo tanto [o home] un animal dotado de razón, ou para dicilo mellor e máis rapidamente, un animal racional, que posúe a razón por natureza, que xa ten razón antes de que entenda. E por iso quere entender, porque é superior debido á razón.

»A fe busca o entendemento
»4. Polo tanto esta avantaxe que temos sobre as bestas debemos cultivala en nós ao máximo, e volver esculpila en certo modo, e reformala. Pero, quen podería facelo, senón o artífice que a formou? Puidemos deformar en nós a imaxe de Deus, reformala non podemos. Temos pois, resumindo todo brevemente, a mesma existencia que os paus e as pedras, vida coma as árbores, facultade de sentir coma as bestas e facultade de entender coma os anxos. E así distinguimos cos ollos as cores, cos oídos os sons, co nariz os cheiros, co gusto os sabores, co tacto as calores, co intelecto as maneiras de obrar. Todo home quere entender; ninguén hai que non o queira; non todos queren crer. Dime un home: “Entenda eu para que poida crer”. Respóndolle: “Cre para que poidas entender”. E xa que naceu entre nós unha controversia tal, por así dicilo, cando me dixo un “Entenda eu para que poida crer”, e eu respondinlle: “mellor cre para que poidas entender”, vaiamos con esta controversia onda o xuíz e ningún dos dous presuma que a sentenza caerá da súa parte. A que xuíz iremos? Se examinamos a tódolos homes, non sei a que outro xuíz podemos atopar mellor que ao home polo cal Deus fala. Non vaiamos, pois, neste asunto e controversia, aos autores profanos, non sexa o noso xuíz un poeta, senón un profeta.»

No hay comentarios: