Lonxe xa doutra época onde, con sorte, a Historia da Arte podía ser mostrada cun proxector de diapositivas, hoxe temos á nosa disposición na rede infinidade de recursos para realizar un auténtico tour virtual polas rúas, monumentos e museos de Roma. Podemos, por exemplo, pasear polo Foro Romano actual con vistas panorámicas (360 cities), dar unha volta pola Fontana de Trevi (Google Street View) ou entrar, sen pagar entrada, nos mismísimos Museos Capitolinos.
Atopamos tamén varios sitios web onde nos ofrecen reconstrucións en 3D dos principais monumentos da Roma Antiga, como Rome Reborn ou Digital Romam Forum. Mesmo podemos recompilar unha colección propia de modelos en 3D realizados en Google SketchUp.
Hoxe, a tarefa para os alumnos de latín I será elixir un monumento e acompañar, xunto coa súa imaxe actual, outra da súa reconstrución hipotética, porque non debemos esquecer que iso é o que realmente son estes modelos, meras hipóteses de como terían sido no seu momento estas obras arquitectónicas que fixeron da Urbs a Caput Mundi.
Aquí temos ao edificio máis emblemático de Roma, o Coliseo, chamado así pola estatua colosal que mandou erixir o emperador Nerón e que estivo situada á beira deste monumental anfiteatro, comezado polo emperador Vespasiano e rematado polo seu fillo Tito, no último tercio do s. I d.C., chamado flavio en honor á súa familia, a gens Flavia.
*Reconstrución: Rome Reborn
*Imaxe actual: DivesGallaecia
1 comentario:
Cool!
Publicar un comentario