8 feb 2011

As lendas da fundación de Roma

Os romanos teceron o tapiz da súa historia cunha serie de lendas que intentaban explicar os segredos da súa orixe. Coma no antigo foro, unha lagoa que logo foi desecada polo primeiro rei etrusco de Roma, entramos nun terreo pantanoso, onde se mestura a realidade coa ficción, os personaxes históricos cos literarios.

Quizais moitas veces poida a lenda ilustrar un suceso real. Foi a violación de Lucrecia a gota que colmou o vaso da paciencia do pobo ante os abusos dun rei despótico?, tivo Rómulo que buscar unha solución de urxencia ante a falta de mulleres para os seus homes?, sería a muller de Fáustulo a única loba desta historia, como apunta Tito Livio?

O certo é, como ben di o dito, que "Se non è vero, è ben trovato.", e todos estes episodios foron fonte de inspiración de artistas ao longo dos séculos.

O traballo, para os alumnos de 1º de Latín, consistirá en vestir con imaxes aos episodios desta lenda, explicando os sucesos da Antigüidade e proporcionando toda a información relativa á obra de arte elixida: pintor, época/estilo e museo onde se conserva. Intenta buscar imaxes libres de dereitos de autor. Engade como mínimo a etiqueta de "Lendas fundación de Roma". Velaquí un exemplo.

"Eneas foxe de Troia en chamas levando nos ombros ao seu pai Anquises. O neno aos pés de Eneas é o seu fillo Ascanio, tamén chamado Iulo, que dará nome á gens Iulia, á que pertencían Xulio César e o emperador Augusto. Tamén Creúsa, muller de Eneas, quere acompañar ao seu marido, pero morrerá no desorde e confusión da batalla."



Imaxe Wikipedia
Federico Barocci, Aeneas' Flight from Troy, 1598
Renacemento
Galleria Borghese, Rome

No hay comentarios: