15 oct 2010

Tempus Fugit

Chegou a hora de que os alumnos de latín de 2º de Bacharelato do MGB comecen a deixar a súa pegada nesta bitácora, e que mellor que mostren unha parte do gran traballo que están a facer na wiki PaulatimGallaecia, onde cada día suman os seus esforzos na procura de materiais que lles permitan afrontar as probas da selectividade, PAAU, de Galicia.
Non sería xusto esquecer as promocións que os precederon, aos que, se nos len, aproveito para saudar e mandarlles os nosos mellores desexos na súa nova etapa no mundo universitario.
Desta vez imos falar de latinismos, de ese latín vivo de uso cotiá, inmerso xa na nosa lingua, e de moi frecuente aparición na prensa escrita. Grazas ao hipertexto poderemos ilustrar con exemplos cada expresión, ao mesmo tempo que buscamos unha imaxe con licenza CC para darlle vida ao significado.

Tempus fugit, «o tempo foxe», «O tempo escápase» ou «O tempo voa» invitando a non perdelo. A expresión aparece por primeira vez nos escritos das Xeórxicas, poema escrito polo poeta romano Virxilio
A frase exacta é: sed fugit irreparabile tempus, singula dum capti circumvectamur amore (...) Mais foxe mentres tanto, foxe de xeito irreparable o tempo, mentres imos a un lado e a outro, prisioneiros do amor ás pequenas cousas (...)
Esta frase latina atópase a miúdo inscrita na carátula dos grandes reloxos de péndulo. Nalgúns reloxos de sol pode atoparse tamén esta frase completa: 
«Tempus fugit, sicut nubes, quasi naves, velut umbra». O tempo voa, como as nubes, como as naves, como as sombras.

(...) En comparación con estes inmensos períodos de tempo que acabamos de sinalar, unha vida humana non é máis que un breve destello no decurso da vida do noso planeta. «Tempus fugit». (A voz de Galicia, 18/12/2009) Ver texto completo.


* Imaxe de Olga Díez en Flickr



No hay comentarios: