Os nomes propios romanos compoñíanse de tres nomes no caso dos homes (de aí o nome de tria nomina) e dous no caso das mulleres.
O primeiro dos nomes era o denominado praenomen, que se correspondería co noso actual nome de pía. Era o único que podían escoller os pais, e unha persoa soamente era chamada polo seu praenomen por persoas da súa familia. Durante a maior parte da Historia romana, as mulleres non tiñan praenomen.
A segunda parte da tria nomina (a primeira no caso das mulleres) era o nomen, equivalente ao noso apelido. O nomen era herdado de pais a fillos e designaba todos os antecedentes dun antepasado común. Deste xeito, o nomen era o nome da gens ou familia.
Por último, o cognomen era en orixe un apodo ou un mote referido a unha característica física ou o lugar de procedencia, e tamén se herdaba de pais a fillos. No caso feminino, o cognomen tratábase dun adxectivo (maior ou minor) ou dun ordinal (prima, secunda...), empregado para distinguir ás mulleres dunha mesma gens, xa que todas posuían o mesmo nomen.
En algunhas ocasións e debido a algún feito excepcional, podíase engadir un nome máis á tria nomina, o agnomen, que non era herdado de pais a fillos.
Fotografía: imaxe de Publio Cornelio Scipio Africanus, exemplo de tria nomina con agnomen, tomada da Wikipedia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario