No que é xa o último día de clase deste curso 2006/2007, dende a clase de latín de 1º imos comezar unha serie de entradas sobre o retrato romano, unha das manifestacións máis orixinais da arte romana, que ten as súas raíces no helenismo, nos retratos funerarios etruscos e nas imagines maiorum, as máscaras de cera dos defuntos que conservaban nos seus fogares e usaban en distintas cerimonias.
A diferencia dos gregos, que só retrataban a persoas famosas (atletas, filósofos, gobernantes), en Roma calquera persoa con medios podía encargar un.
Os escultores romanos intentaban que o personaxe retratado parecese máis fermoso ou máis poderoso, pero sen renunciar á plasmar as súas características peculiares.
O retrato podía ser coa figura de pé, sentada, dacabalo ou só coa parte superior do corpo, o busto. Foron policromados ata o século II, aínda que hoxe perderan a cor. Normalmente foron esculpidos en bronce ou mármore.
Intentaremos recoller exemplos de distintas épocas e investigar como este aspecto da vida cotiá pode ser unha valiosa fonte de información para coñecer máis a fondo o mundo antigo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario