2 nov 2011

O "novo Latín". Latinismos no fútbol inglés.

O latín culto foi unha lingua uniforme, moi estable durante séculos (dende o s. III a.C. ata o V d.C., a caída do Imperio romano de occidente). A aparición das linguas romances no s. IX e a súa utilización posterior como linguas literarias supuxo un progresivo abandono do latín, aínda que esta lingua, como lingua escrita, seguiu durante moitos séculos sendo unha lingua de prestixio, na que foron escritas moitísimas obras de índole literaria ou científica. 

E no século XXI o latín, lonxe de ser unha lingua morta, está máis vivo que nunca. Ademais do "Latín Falado" ou "Latín Vivo" e do "Latín Eclesiástico" (segue sendo a lingua oficial da igrexa católica), o "Novo Latín", tamén chamado "Neolatín", está presente como continuador da tradición anterior de lingua franca na comunidade científica en campos como a Medicina, o Dereito, a Filoloxía, a Química, as Ciencias Naturais ou a Astronomía. Asimesmo o uso de latinismos na presa escrita está á orde do día.

Hoxe queremos tratar aquí da presencia dos latinismos en lemas ou escudos, concretamente nos escudos dos clubes de fútbol da liga inglesa, e de como aportan ese plus de prestixio que se persegue (aínda que non sempre garanta a consecución dos 3 puntos...!). Serán os alumnos de 1º de Bacharelato os que deberán buscar un escudo dun clube de fútbol inglés con lema latino e comentalo na súa entrada. Aquí vai un exemplo.

Spectemur agendo: "sexamos vistos en acción", no sentido de "que nos xuzguen polos nosos actos".
Trátase dunha cita do poeta latino Ovidio, que no libro XII da súa obra "Metamorfoses" fai dicir ao heroe Aiax:
Denique (quid verbis opus est?) spectemur agendo!

Neste caso o famoso lema non é exclusivo dun clube de fútbol, o Barnsley FC, senón que tamén podemos atopalo en algún rexemento do exército inglés, en diversos condados de Londres ou mesmo nunha High School.

*imaxe: Wikipedia

No hay comentarios: