12 dic 2007

COLLEGIA FUNERATICIA

Moitos dos romanos máis pobres pertencían ás sociedades fúnebres, chamadas Collegia funeraticia, para procurarse un enterro apropiado.
Eran asociacións funerarias nas que se pagaban cotas regulares, que serían utilizadas para cubrir o custo dos enterros dos seus membros.
Os membros dos colexios tiñan garantido un lugar nos Columbaria, onde eran colocados os restos incinerados dentro de pequenos nichos nas paredes, marcados a miúdo con placas conmemorativas e retratos esculpidos.
Os Collegia e Columbaria eran un xeito barato de garantir unha transición apropiada á vida no máis alá para todas as clases da sociedade romana.
A min vénseme á memoria a miña avoa, a señora Lola, que pasou toda a súa vida pagando regularmente as súas cotas, preocupada polo feito de ter un enterro en condicións. E supoño que así foi, aínda que cando tiven que ir a axencia funeraria a elixir a caixa e demás enseres, ninguén me deu unha factura onde puidese averiguar se todo o que foi pagando ó longo dos anos se correspondía finalmente co gasto realizado.
Esta é a primeira dunha serie de entradas que sobre os ritos fúnebres romanos van publicar os alumnos de Latín II do MGB. Non se pretende só unha busca de información, queremos a experiencia persoal, a actualidade, o comentario do aprendido, a reflexión sobre ese mundo antigo que está tan lonxe e tan preto de nós ao mesmo tempo.

No hay comentarios: